enero 30, 2012

30 de xaneiro: DÍA DA PAZ

Hoxe, día 30 de xaneiro, data do aniversario da morte de Mahatma Gandhi (1869-1948), celébrase o "Día escolar da non violencia e da Paz" (DENIP) e nesta data o proxecto "Coñecernos para querernos" que estamos a levar a cabo cos rapaces e rapazas dos campamentos de refuxiados sahararuis en Tinduf fainos sentir, se cabe, máis preto de todos aqueles que como eles están a ser vítimas desas guerras esquecidas, eses conflitos ignorados pola comunidade internacional.


Cando eliximos este título para o noso proxecto, fixémolo convencidos do que ese "lema" significaba, fixémolo con plena conciencia do noso obxectivo principal, coñecer a quen está a loitar polos seus dereitos e, na medida das nosas posibilidades, loitar para que eses dereitos algún día, non moi lonxano, sexan recoñecidos e ese exilio ao que levan sometidos 35 anos cese dunha vez e consigan alcanzar un acordo definitivo de paz que permita a libre determinación do pobo saharaui.

E para que nos vaiamos coñecendo velaí tedes "101 imaxes, 101 abrazos para coñecernos, para aprender a querernos" chegados dende Smara para tod@s nós, para tod@s vós.

enero 15, 2012

CLUB DE LECTURA


Para este segundo trimestre imos ler o libro dun escritor e magnífico ilustrado , Jacobo Fernández. O libro titúlase " Mil cousas poden pasar I ".
SINOPSIS
Os fillos do rei do mar, Neda e Mercurín, caen na conta de que se achega o aniversario do seu pai, Pindo IV o Tratable, e aínda non teñen agasallo. Na procura dese galano desencadéanse as mil cousas que dan título a obra de Jacobo Fernández Serrano, gañadora do Premio Merlín de literatura infantil 2009. A partir de aí, a narración vainos levando ao encontro dunha serie de personaxes insólitos e á sucesión de situacións imaxinativas e disparatadas na cidade de Nil, onde todo é posible, onde o surrealismo é o normal e o absurdo convértese en lóxico. O xurado do Premio Merlín de literatura infantil 2009 sinalou que Mil cousas poden pasar. Libro I vainos amosando unha serie de pezas que acaban conformando de maneira totalmente natural un mosaico fermoso e único, construíndo un imaxinario propio e un mundo fantástico orixinal e novidoso, sólido e sen fisuras. Grazas ás pequenas (ou grandes) historias das personaxes que habitan a cidade de Nil, descubrimos un universo que trascende os límites desta novela e que non recorre a tópicos anteriores da literatura infantil.