Amosando publicacións coa etiqueta Voto. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Voto. Amosar todas as publicacións

xuño 10, 2025

maio 14, 2024

LENDA DO VOTO DE CHANTEIRO




No ano 1404 a epidemia da peste afecta á comarca de Ferrolterra, o que conleva un gran número de mortes na zona. Esta traxedia só podía ser vencida por intercesión divina e é así como piden á Virxe de Chanteiro que cese a mesma. Esta virxe era de gran devoción para os pobos mariñeiros. De feito, a devandita ermida era a que vían os pescadores tanto ao entrar como ao saír da ría e saudábana cos remos no alto.

Dise que a esta Virxe acudiron os representantes dos pobos da comarca para implorar a desaparición da epidemia. Isto sucedía nos días inmediatos á Pascua de Pentecostés. A epidemia remitiu e as xentes da zona decidiron realizar unha ofrenda (voto) de agradecemento. A ofrenda era entregar seis libras de cera para iluminar a capela, así como renovar o voto anualmente. Ofrecíanlle á Virxe unha flor e colocábase nas súas mans: a flor de Chanteiro. O voto era ofrecido por Ferrol, A Graña, Ares e Mugardos.

Unha vez efectuada a ofrenda relixiosa comezaba a festa profana e a romaría propiamente dita. Co tempo a celebración profana foi tendo cada vez máis fama. Ferrol pediu a conmutación do Voto en 1839, máis tarde Ares abandonou esta ofrenda despois da Desamortización e foi recuperada en 1954. En canto a Mugardos, as autoridades deixaron de celebralo durante a II República, recuperándose despois da Guerra Civil.

Os que nunca deixaron de asistir a Chanteiro, o martes de Pentecostés, foron as xentes das diversas aldeas da comarca, que continuaron coa devoción á Virxe milagrosa, nunha tradición que xa cumpriu máis de 600 anos. Na actualidade o día do Voto de Chanteiro, é festa local en Ares e Mugardos.

https://concellodeares.gal/ares-mitoloxico/