No
ano 1404 a epidemia da peste afecta á comarca de Ferrolterra, o que conleva un
gran número de mortes na zona. Esta traxedia só podía ser vencida por
intercesión divina e é así como piden á Virxe de Chanteiro que cese a mesma.
Esta virxe era de gran devoción para os pobos mariñeiros. De feito, a devandita
ermida era a que vían os pescadores tanto ao entrar como ao saír da ría e
saudábana cos remos no alto.
Dise que a esta Virxe acudiron os
representantes dos pobos da comarca para implorar a desaparición da epidemia.
Isto sucedía nos días inmediatos á Pascua de Pentecostés. A epidemia remitiu e
as xentes da zona decidiron realizar unha ofrenda (voto) de agradecemento. A
ofrenda era entregar seis libras de cera para iluminar a capela, así como
renovar o voto anualmente. Ofrecíanlle á Virxe unha flor e colocábase nas súas
mans: a flor de Chanteiro. O voto era ofrecido por Ferrol, A Graña, Ares e
Mugardos.
Unha vez efectuada a ofrenda
relixiosa comezaba a festa profana e a romaría propiamente dita. Co tempo a
celebración profana foi tendo cada vez máis fama. Ferrol pediu a conmutación do
Voto en 1839, máis tarde Ares abandonou esta ofrenda despois da Desamortización
e foi recuperada en 1954. En canto a Mugardos, as autoridades deixaron de
celebralo durante a II República, recuperándose despois da Guerra Civil.
Os que nunca deixaron de asistir a
Chanteiro, o martes de Pentecostés, foron as xentes das diversas aldeas da
comarca, que continuaron coa devoción á Virxe milagrosa, nunha tradición que xa
cumpriu máis de 600 anos. Na actualidade o día do Voto de Chanteiro, é festa
local en Ares e Mugardos.
https://concellodeares.gal/ares-mitoloxico/
No hay comentarios:
Publicar un comentario