abril 01, 2012

CLUB DE LECTURA

Dende o  proxecto "Coñecernos para querernos" no que estamos a traballar  durante este curso, achegamos ao club de lectura a historia de Twala, unha nena saharaui que ven pasar o verán a Galicia, como moitos que nos visitan en Mugardos, e que descobre a súa paixón pola auga.

marzo 21, 2012

JACOBO FERNÁNDEZ

Hoxe, 21 de marzo, visitou o noso cole Jacobo Fernández. Foi unha gran sorpresa para todos pero tiñamos os deberes ben feitos : o libro "Mil cousas poden pasar" requetelido e comentado no Clube de lectura, as nosas preguntas preparadas, e unha selección das revistas Golfiño onde Jacobo participou e que ollamos uns días antes.
O tempo pasousenos moi rápido, pois Jacobo resultou ser unha persoa encantadora :respostou a todas as nosas preguntas, ensinounos os seus debuxos, dedicounos os libros e fíxonos un fermoso agasallo para a nosa biblioteca: o retrato do porco Issais.
GRAZAS Jacobo e que saibas que xa empezamos a ler a segunda parte do teu libro ( xa ten lista de espera).

febreiro 28, 2012

AS VIAXES DE GULLIVER


O 28 de marzo os nenos e nenas de 4ª, 5º e 6º farán unha viaxe a A Coruña para disfrutar do concerto didáctico "As viaxes de Gulliver" no Teatro Rosalía de Castro.A Banda Municipal de Música de A Coruña será a encargada de dar vida á música que Maxime Aulio escribiu inspirada na popular novela homónima de Jonathan Swift.
O departamento didáctico da Orquestra Sinfónica puxo á nosa disposición unha guía didáctica da obra.
Guía didáctica "As viaxes de Gulliver"

febreiro 07, 2012

TALLER : AS ENERXIAS RENOVABLES

Durante a primeira semana de febreiro os nenos e nenas de 5º e 6º estivemos investigando sobre os tipos de enerxía. Primeiro traballamos por aulas; puxemos en común un rebumbio de ideas de todo o que sabiamos sobre os tipos de enerxía ; logo buscamos información na bibloteca, en pequenos grupos,sobre os aspectos nos que tiñamos dúbidas .
A finais de semana todo o grupo asistimos a un taller na biblio , organizado en colaboracion con Gas Natural Fenosa, onde participamos de forma moi activa.Reforzamos os contidos que xa sabiamos e aprendimos moitísimas cousas sobre as enerxías renovables e sobre todo como coidar o noso planeta.
Resultou unha experiencia moi enriquecedora!!

febreiro 01, 2012

DOMINICUS INFORMA



.
O Concello de Mugardos convoca o IV Certame de Poesía. Dende a biblioteca...        ¡¡ animámoste a participar!!!
Dende hoxe e durante todo o mes de marzo terás na biblioteca unha exposición de libros de poesía para que te inspires cos grandes poetas e poetisas.
As bases do concurso están no taboleiro da biblioteca , na biblioteca do Concello e na oficina de Información Xuvenil.Tamén podes acceder á información entrando na páxina do Concello de Mugardos

xaneiro 30, 2012

30 de xaneiro: DÍA DA PAZ

Hoxe, día 30 de xaneiro, data do aniversario da morte de Mahatma Gandhi (1869-1948), celébrase o "Día escolar da non violencia e da Paz" (DENIP) e nesta data o proxecto "Coñecernos para querernos" que estamos a levar a cabo cos rapaces e rapazas dos campamentos de refuxiados sahararuis en Tinduf fainos sentir, se cabe, máis preto de todos aqueles que como eles están a ser vítimas desas guerras esquecidas, eses conflitos ignorados pola comunidade internacional.


Cando eliximos este título para o noso proxecto, fixémolo convencidos do que ese "lema" significaba, fixémolo con plena conciencia do noso obxectivo principal, coñecer a quen está a loitar polos seus dereitos e, na medida das nosas posibilidades, loitar para que eses dereitos algún día, non moi lonxano, sexan recoñecidos e ese exilio ao que levan sometidos 35 anos cese dunha vez e consigan alcanzar un acordo definitivo de paz que permita a libre determinación do pobo saharaui.

E para que nos vaiamos coñecendo velaí tedes "101 imaxes, 101 abrazos para coñecernos, para aprender a querernos" chegados dende Smara para tod@s nós, para tod@s vós.

xaneiro 15, 2012

CLUB DE LECTURA


Para este segundo trimestre imos ler o libro dun escritor e magnífico ilustrado , Jacobo Fernández. O libro titúlase " Mil cousas poden pasar I ".
SINOPSIS
Os fillos do rei do mar, Neda e Mercurín, caen na conta de que se achega o aniversario do seu pai, Pindo IV o Tratable, e aínda non teñen agasallo. Na procura dese galano desencadéanse as mil cousas que dan título a obra de Jacobo Fernández Serrano, gañadora do Premio Merlín de literatura infantil 2009. A partir de aí, a narración vainos levando ao encontro dunha serie de personaxes insólitos e á sucesión de situacións imaxinativas e disparatadas na cidade de Nil, onde todo é posible, onde o surrealismo é o normal e o absurdo convértese en lóxico. O xurado do Premio Merlín de literatura infantil 2009 sinalou que Mil cousas poden pasar. Libro I vainos amosando unha serie de pezas que acaban conformando de maneira totalmente natural un mosaico fermoso e único, construíndo un imaxinario propio e un mundo fantástico orixinal e novidoso, sólido e sen fisuras. Grazas ás pequenas (ou grandes) historias das personaxes que habitan a cidade de Nil, descubrimos un universo que trascende os límites desta novela e que non recorre a tópicos anteriores da literatura infantil.

decembro 19, 2011

GRAZAS

GRAZAS. Dende aquí queremos agradecervos a vosa colaboración no proxecto que este ano iniciamos con tanta ilusión un grupo de bibliotecas de Ferrolterra. "Coñecernos para querernos " xa é o proxecto de toda a nosa comunidade educatica.
Esta semana saírá un primer envío con parte do material escolar que tan xenerosamente enviáchedes ao colexio .
Grazas outra vez.
Ademáis do material, enviamos un conto para o BUBISHER: "OLE SARDINA" de Javier Fonseca da editorial Sieteleguas, firmado polos nosos nenos e nenas e que xa forma parte da súa biblioteca.
Aquí vos deixo un pequeno video sobre o conto.

decembro 11, 2011

10 de DECEMBRO: DÍA DOS DDHH

63 anos despois da súa proclamación, segue sendo necesario lembrar esta data, 10 de decembro, na que a Asamblea Xeral das Nacións Unidas aprobou a Declaración dos Dereitos Humanos.

Necesario porque nin tan sequera nos países que asinaron esta declaración están garantidos estes dereitos en igualdade de condicións para toda a poboación. Non hai máis que botar unha ollada ao noso arredor, asomarse ás noticias.

Mais aínda así cabe pensar que un outro mundo é posible, que hai arrecendos espallados no ar que nos permiten prender unha candea pola esperanza, por estas xeracións, hoxe nen@s, adolescentes, que medran nas nosas aulas, ao abeiro das nosas Bibliotecas -das súas lecturas, da súa información, da súa formación- nen@s e adolescentes que se implican ilusionad@s e con empeño en proxectos coma "Coñecernos para querernos", nun intercambio persoal e de coñecementos con nen@s dos campamentos saharahuis, para quenes a apertura dunha biblioteca con (o Bubisher) ou sen (O Niño do Bubi) rodas, supón moito máis que un mundo de oportunidades. Para acceder á ilusión, aos soños, á formación, ao coñecemento doutras culturas, doutro idioma.

E con esa candea acesa, brincan faíscas que prenden en case un cento de Bibliotecas Escolares Galegas, que por todo o país escollen cada unha un fermoso álbum ilustrado para agasallar a ese recén estreado Niño do Bubi, porque, coma nas nosas propias Bibliotecas, toda inauguración é unha festa. A esa festa que é a lectura, nesas bibliotecas acubilladas na area, queremos enviar estes álbumes como aves portadoras de boa sorte, como bubishers* cheos de cor, imaxes, historias. Porque as nosas bibliotecas, @s nos@s lectores e lectoras, compartimos co Bubisher, cos lectores e lectoras das súas bibliotecas a crenza firme nos Dereitos Humanos, dende o seu 1º artigo: "Tod@s nascemos libres e iguais en dignidade e dereitos"

* O bubisher (Oenanthe leucopyga e Oenanthe leucura) é un paxariño tímido que vive na Península e tamén en África, aquí chamámoslle collalba negra e no Sáhara o seu nome significa paxaro da boa sorte, no dialecto hassaní é Bubchir بوبشير (o da boa nova) porque adoita aniñar e criar despois das choivas, o que quer dicer que medrará a herba, algo moi importante para quen ten gando.

Bubisher é tamén o nome dun autobús-biblioteca que circula entre os campamentos do Sáhara para levar lectura e información. Ou sexa, unha biblio... pero con rodas!!!


Se queredes unirvos á iniciativa de Álbumes para o Bubisher, só tedes que poñer os vosos datos xunto ao resto das Bibes Galegas.


Texto de Maribel Serantes (CEIP Os Casais)


novembro 25, 2011

25 N0VEMBRO:CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

-O meu amigo Carlos está sentado ó meu lado na escola
- Pero... como que está sentado ao teu lado!! Pero na túa escola tamén hai nenos?
- Claro avoa, e logo, cando ti ías á escola non había nenos?
- Había, pero estaban en escolas diferentes.



Make your own slide show at Animoto.

Agradecemos ao Concello de Mugardos a súa colaboración para a organización desta actividade.

A IGUALDADE CONTA