marzo 06, 2020

MULLERES GAÑADORAS

O pasado mes de febreiro, as rapazas de 2º de Educación Primaria, no marco da materia “Valores sociais e cívicos” presentaron a súa obra “Mulleres gañadoras” como produto final dun proxecto cooperativista para traballar a igualdade no deporte. O mundo do deporte é un dos eidos onde máis se pon de manifesto a falta de igualdade entre homes e mulleres. A finalidade deste proxecto foi, dun lado, visibilizar ás mulleres deportistas e, por outro, aprender a traballar de xeito cooperativo, formando un único equipo durante todo o proceso de preparación, que pasamos a resumir agora.
Logo da lectura conxunta do libro, cada rapaza escolleu unha das protagonistas do mesmo. Resumida a súa historia, memorizamos un texto sobre cada unha delas, antes de traballar na posta en escena. Quixemos darlle especial énfase a este aspecto, para lograr maior impacto nos nosos espectadores.
Cada rapaza vestiríase caracterizada da súa personaxe. Para conseguir os disfraces, empregamos material do colexio pero tamén da propia casa, e compre salientar que unhas prestaron a outras o  que non tiñan.
A secuencia da obra era a seguinte: María, a mestra de Educación Física, está na súa casa lendo o libro das mulleres deportistas. Cada vez que pasa a páxina e cae nunha nova personaxe, a rapaza en cuestión aparece desde detrás do público, para causar efecto sorpresa. Logo de situarse diante dos espectadores, interpreta individualmente o seu papel: preséntase como a súa personaxe e fai un resumo dos seus logros.
Tivemos a sorte de contar con música en directo, grazas a colaboración de Paula, a mestra de música, e o alumnado de 6º de Primaria. Cada vez que entraba unha personaxe, soaba unha peza de música acorde o seu país de procedencia ou a súa actividade.
Só cabe felicitar as rapazas de 2º pola súa marabillosa actuación, e, por riba de todo, polo seu magnífico traballo durante todo o mes de preparación. Parabéns equipo!!!


No hay comentarios:

Publicar un comentario