diciembre 19, 2011

GRAZAS

GRAZAS. Dende aquí queremos agradecervos a vosa colaboración no proxecto que este ano iniciamos con tanta ilusión un grupo de bibliotecas de Ferrolterra. "Coñecernos para querernos " xa é o proxecto de toda a nosa comunidade educatica.
Esta semana saírá un primer envío con parte do material escolar que tan xenerosamente enviáchedes ao colexio .
Grazas outra vez.
Ademáis do material, enviamos un conto para o BUBISHER: "OLE SARDINA" de Javier Fonseca da editorial Sieteleguas, firmado polos nosos nenos e nenas e que xa forma parte da súa biblioteca.
Aquí vos deixo un pequeno video sobre o conto.

diciembre 11, 2011

10 de DECEMBRO: DÍA DOS DDHH

63 anos despois da súa proclamación, segue sendo necesario lembrar esta data, 10 de decembro, na que a Asamblea Xeral das Nacións Unidas aprobou a Declaración dos Dereitos Humanos.

Necesario porque nin tan sequera nos países que asinaron esta declaración están garantidos estes dereitos en igualdade de condicións para toda a poboación. Non hai máis que botar unha ollada ao noso arredor, asomarse ás noticias.

Mais aínda así cabe pensar que un outro mundo é posible, que hai arrecendos espallados no ar que nos permiten prender unha candea pola esperanza, por estas xeracións, hoxe nen@s, adolescentes, que medran nas nosas aulas, ao abeiro das nosas Bibliotecas -das súas lecturas, da súa información, da súa formación- nen@s e adolescentes que se implican ilusionad@s e con empeño en proxectos coma "Coñecernos para querernos", nun intercambio persoal e de coñecementos con nen@s dos campamentos saharahuis, para quenes a apertura dunha biblioteca con (o Bubisher) ou sen (O Niño do Bubi) rodas, supón moito máis que un mundo de oportunidades. Para acceder á ilusión, aos soños, á formación, ao coñecemento doutras culturas, doutro idioma.

E con esa candea acesa, brincan faíscas que prenden en case un cento de Bibliotecas Escolares Galegas, que por todo o país escollen cada unha un fermoso álbum ilustrado para agasallar a ese recén estreado Niño do Bubi, porque, coma nas nosas propias Bibliotecas, toda inauguración é unha festa. A esa festa que é a lectura, nesas bibliotecas acubilladas na area, queremos enviar estes álbumes como aves portadoras de boa sorte, como bubishers* cheos de cor, imaxes, historias. Porque as nosas bibliotecas, @s nos@s lectores e lectoras, compartimos co Bubisher, cos lectores e lectoras das súas bibliotecas a crenza firme nos Dereitos Humanos, dende o seu 1º artigo: "Tod@s nascemos libres e iguais en dignidade e dereitos"

* O bubisher (Oenanthe leucopyga e Oenanthe leucura) é un paxariño tímido que vive na Península e tamén en África, aquí chamámoslle collalba negra e no Sáhara o seu nome significa paxaro da boa sorte, no dialecto hassaní é Bubchir بوبشير (o da boa nova) porque adoita aniñar e criar despois das choivas, o que quer dicer que medrará a herba, algo moi importante para quen ten gando.

Bubisher é tamén o nome dun autobús-biblioteca que circula entre os campamentos do Sáhara para levar lectura e información. Ou sexa, unha biblio... pero con rodas!!!


Se queredes unirvos á iniciativa de Álbumes para o Bubisher, só tedes que poñer os vosos datos xunto ao resto das Bibes Galegas.


Texto de Maribel Serantes (CEIP Os Casais)


noviembre 25, 2011

25 N0VEMBRO:CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

-O meu amigo Carlos está sentado ó meu lado na escola
- Pero... como que está sentado ao teu lado!! Pero na túa escola tamén hai nenos?
- Claro avoa, e logo, cando ti ías á escola non había nenos?
- Había, pero estaban en escolas diferentes.



Make your own slide show at Animoto.

Agradecemos ao Concello de Mugardos a súa colaboración para a organización desta actividade.

A IGUALDADE CONTA



noviembre 09, 2011

O GATO MANCHADO E A ANDORIÑA SIÑA

Onde se viu? Unha andoriña de raza volátil falando cun gato da raza dos felinos?
Esta é a historia dun amor imposible entre un gato e unha andoriña. Un gato é un gato, e un paxaro é un paxaro pero... hai amores imposibles?
Esta é a nova obra que o grupo de teatro DO MORCEGO presenta esta semana en Narón e que teremos o pracer de disfrutar.
É unha obra de Jorge Amado e da que vos deixo un "book trailer" para ir facendo boca.

noviembre 07, 2011

TEMPO DE OUTONO

Castañas e castiñeiros
Noces e nogueiras
Abelás e abeleiras...
Na exposición que hai na entrada da biblioteca tes unha "boa colleita" dos froitos máis representativos do noso outono. Poderás ver como son os marmelos ou como nacen as abelás.
Ademáis tes unha exposición de libros sobre o outono moi interesantes.

Make a video of your own at Animoto.

octubre 30, 2011

NO CORAZÓN DO BOSQUE


Neste tempo de outono, os rapaces e rapazas de 5º e 6º visitaron as Fragas do Eume.Ao baixar do autobús o primeiro que reviviron con moita ilusión foi a historia de Raquel, a protagonista do conto de "No corazón do bosque" de Agustín Fernández Paz que tanto lles gustou o curso pasado.Todos eles, igual que Raquel, percorreron as fermosas paraxes das fragas, disfrutando dos sons do río, dos paxaros, das fermosas cores, da choiva de follas secas... e quen sabe quizáis algún deles leve un Derdrín na súa mochila? Buscaches ben na túa?

Este fermoso libro está na exposición de outono para que lle botes unha ollada e na biblioteca para poder levalo para casa.

octubre 15, 2011

TEMPO DE OUTONO

"Non chas quero
non chas quero,
castañas do teu magosto,
Non chas quero
non chas quero
que me cheiran
ao chamosco.
..."

Soache esta cantiga? Seguro que sí. Pois se queres coñecer moitas máis cantigas, refráns, ditos populares relacionados co outono e a festa do magosto, na entrada da biblioteca poderás ler unha chea delas que os teus compañeiros e compañeiras trouxeron ao cole.
Que ti tamén coñeces algunha? Pois adiante colle unha folla e ponte a escribir.
Que non coñeces ningunha , pero gustaríache participar? Pois na biblioteca temos libros onde podes atopar as máis fermosas.
Aímate e participa.

octubre 09, 2011

CLUB DE LECTURA


O CONTO DOS SETE MEDOS
Comezamos o nosos club de lecturas cun libro do noso querido e admirado Antón Cortizas " O conto dos sete medos".
Velaquí vai un pequeno avance para ir" facendo dentes "
Aquel día case a pillou un coche sen codutor e atacouna un enorme can dóberman. Pero Antía, contra o que pode parecer, non era unha medricas. Despois viñeron  a pantasma dobre e pobre que lle cumpría unha saba, o vampiro pequerrecho e pitoño que mesmo gostaba do rosa, a Santa Compaña e tantas outras visitas sosrprendentes...

septiembre 15, 2011

COMEZAMOS UN NOVO CURSO(2011-2012)


Pois aquí estamos un curso máis esperando compartir todos xuntos uns gratos momentos. Momentos de estudio, de lecturas, de búsqueda de información, de entretenimiento....e tamén ,como non, de risas.
Aquí estamos para recibir as túas suxestións e entre todos facer moito máis agradable a nosa biblioteca.
Damos a benvida aos novos axudantes da biblioteca, os rapaces e rapazas de 6º que estarán aquí na hora do recreo para prestarvos toda a axuda que necesitedes.
BO COMEZO!!!

junio 08, 2011

VISITA AO MUSEO DO HUMOR


"HUMOR é líquido , só por iso Galicia onde chove boa parte dos días do ano , onde hai ríos , regatos,arroios, fervenzas, mares, represas...está chea de humor ( Xaquín Marín).

Único do seu xénero que hai no país. Centrado no humor gráfico, nas súas salas pode contemplarse unha ampla mostra de orixinais de humoristas contemporáneos galegos e de todo o mundo.

O Museo do Humor de Fene abriu as súas portas en 1984. Conta con máis de tres mil fondos nos que se pode atopar unha ampla representación do humorismo galego e internacional contemporáneo así como coa colección dos traballos premiados no concurso estatal "Paleta Agromán", que se celebraba en Madrid. Entre os seus fondos encóntranse orixinais de humoristas como Xaquín Marín, Siro, Chumy Chúmez, Máximo, René de la Nuez, Mort Walker ou Fontanarrosa.
( Fene cidadán).

Se desfrutaches coa visita e queres seguir mergullándote no mundo da banda deseñada pásate pola biblio e alí atoparás a vellos amigos como Obelix, Mortadelo, TinTin... e outros novos como Thom, Fiz... A que esperas?

Create your own video slideshow at animoto.com.

junio 02, 2011

A INSOPORTABLE LEVEDADE DAS BIBLIOTECAS GALEGAS

Ante a previsible retirada de formadores específicos no ámbito das bibliotecas escolares no Servizo de Formación do Profesorado, no Centro Autonómico de Formación e Innovación e nos centros de formación e recursos dependentes da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, segundo o borrador da orde que convocará concurso público de méritos para cubrir postos de persoas directoras e asesoras nestes centros queremos manifestar o seguinte:

Hai proxectos que nacen marcados pola vulnerabilidade e a razón desta circunstancia non ten nada que ver coa falta de rigor ou a pouca entrega das persoas que os poñen en marcha. Máis ben ten que ver co feito de que nacen destinados a nadar contra corrente. Con todo, esa é a principal razón da súa existencia: xorden porque responden a unha necesidade non satisfeita pero compartida por un número crecente de persoas que senten que é posible compartir e facer viable o proxecto xuntos. Así naceu o movemento que cristalizou na iniciativa que todos coñecemos como PLAMBE. De xeito que dende hai algúns anos, esa iniciativa levou o mellor da creatividade e o esforzo de moitos docentes que xenerosamente regalaron o seu tempo e a súa capacidade de formar equipos e ilusionar a outros docentes en centros e centros de toda a nosa comunidade. Xuntos aprendemos a ser rigorosos e esixentes nos nosos proxectos, a crear espazos de aprendizaxe colaborativo, de cambios de estratexia, de achegamento ás novas tecnoloxías, de racionalización na xestión da información. Que ninguén se equivoque: os responsables das bibliotecas escolares non son seres evanescentes perdidos en vanas quimeras que tentan “roubar” horas a materias “importantes” para que o alumnado esmoreza entre mundos de ficción. Nada máis lonxe da realidade. Nun centro onde hai un equipo que xestiona a biblioteca de forma eficaz nótase. Os fondos adquírense con criterio, establécense acordos para xestionar a información, créanse espazos de colaboración e docencia compartida. Non é doado porque a maquinaria educativa ten unhas inercias difíciles de combater. A pesar de todo, estes docentes fórmanse e exercen a súa dura misión en horas non retribuídas, roubadas ás súas familias, ao descanso, ao lecer. Fomos coordinados con rigor e seriedade pola Asesoría de Bibliotecas Escolares pero sempre nos faltou o marco legal axeitado. A nosa misión é dura porque queda moito por definir. Na nosa inxenuidade e boa fe esperabamos conseguir progresivamente tempos e formación para seguir mellorando na nosa función se demostrabamos que eramos rigorosos e eficaces. Os nosos méritos como colectivo son dabondo coñecidos polos nosos gobernantes e acreditados por diferentes administracións e ámbitos a nivel estatal. Os numerosos e constantes premios anuais de boas prácticas concedidos polo Ministerio de Educación y Ciencia non caeron do ceo. Durante todos estes anos a formación recibida foi fundamental para levar a cabo actuacións rigorosas e enfocadas na dirección correcta.

Sabemos das cuantiosas axudas que a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, destina a outros proxectos, dos incentivos para a elaboración de contidos dixitais por parte das empresas editoriais, entre outras iniciativas. Non sería tamén interesante fomentar a produción de materiais propios e promover desde cada centro a estandarización de procedementos que axuden a xestionar a información entre o noso alumnado sen confiar todo a eses materiais externos que proceden da industria editorial, por valiosos que poidan ser? Por que non seguir aproveitando a experiencia e valía dos equipos das bibliotecas escolares nestes cometidos?. O noso empeño sempre foi crear nos centros pequenos focos que tentan estender esas boas prácticas de innovación e excelencia. Non entendemos este novo e repentino xiro na política de formación desta Dirección Xeral. Non nos parece xusto posto que, podemos dicir honestamente que, pola nosa banda, cumprimos con fartura. Ao desmantelar as estruturas que nos sosteñen o deterioro será proporcional ao entusiasmo e o esforzo investidos: inmenso e imparable. Algúns lembramos como o noso Conselleiro lanzou un bico ao aire ao despedirse dos asistentes aos últimos encontros despois dunhas entusiastas palabras de eloxio polos éxitos logrados polas bibliotecas escolares galegas a nivel estatal. Onde quedou ese entusiamo? Que interpretación debemos facer? O noso país pode permitirse tirar pola borda todo este traballo? E nós?. En que situación quedaremos agora diante das nosas comunidades educativas se despois de tanta insistencia é a propria Consellería a que nos invisibiliza?.

Colectivo dos equipos das bibliotecas escolares integradas no PLAMBE (Plan de Mellora das Bibliotecas Escolares Galegas)

mayo 29, 2011

ATA SEMPRE WILLIAM

Esta semana despedimos a William nun acto moi sinxelo pero moi , moi, emotivo.Dende aquí queremos desexarlle moitísima sorte e sobre todo darlle as grazas por todo o que nos ensinou e por todos os bos momentos que compartiu con todos nós.

Create your own video slideshow at animoto.com.

ESTE CONTO...NON É O MEU CONTO


Noelia, Mónica, Judith, Michelle, Marica, Cristina, María e Vanessa son as protagonistas deste divertido conto dramatizado co que os nenos e nenas de Educación Infantil pasaron un rato moi divertido.

Durante este mes representaranna de novo na nosa biblioteca durante o primeiro recreo.

Se che gustan os contos de enredos na biblio podes ler da editorial Everest a colección " Había otra vez".

mayo 13, 2011

CELEBRACIÓN DAS LETRAS GALEGAS

Fixemos uns fermosos carteis conmemorativos,visitamos, na entrada da biblioteca, a exposición sobre os libros de Lois Pereiro e os carteis sobre a súa vida e obra e por último limos os contos que fixemos nas aulas , recitamos poemas deste autor...e aquí están as fotos de mostra.

Create your own video slideshow at animoto.com.



Create your own video slideshow at animoto.com.